Saturday 20 de April de 2024

As sesións plenarias de Lousame terán lugar os penúltimos venres de cada dous meses


O pleno municipal de Lousame acordou por unanimidade cambiar a periodicidade das sesións plenarias, que anteriormente tiñan lugar o terceiro venres de cada dous meses, ás 20:30 horas, e que agora terán lugar o penúltimo venres de cada dous meses, á mesma hora. A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explicou que “trátase dun cambio para facelo máis operativo pois xa nos ten pasado que o día 1 cadre en venres e nos atopamos cun pleno a mediados de mes”.

O pleno aprobou tamén nomear a Teresa Villaverde como suplente da representante do Concello de Lousame no Consello Escolar, que é a concelleira de Ensino, Silvia Agrafojo. Así mesmo, aprobouse a disolución da Mesa de Contratación Permanente do Concello de Lousame como consecuencia da entrada en vigor da Lei 8/2017 de 8 de novembro de Contratos do Sector Público. “É algo que afecta a todas as Corporacións”, indicou Villaverde Pais, quen anunciou que “en vez de ter unha mesa permanente o que se fará é constituír unha mesa segundo o obxecto do contrato, para que así o técnico que ten que participar nela sexa especialista nesa materia”. Ambos puntos foron aprobados cos 6 votos a favor do grupo municipal do PP e as 3 abstencións do PSOE, xa que o Partido da Terra e o BNG non asistiron á sesión.

Finalmente, o pleno acordou a terminación do procedemento administrativo para a adquisición dos terreos afectados polas obras da DP-4202 de Berrimes a Noia, para o que se aprobou un recoñecemento extraxudicial de crédito de 189 euros para o abono da indemnización prevista a un propietario, que non puidera cobrala no seu momento ao non poder presentar toda a documentación requirida sobre a súa propiedade. Non se presentou ningunha moción.